Historia

O Taller Permanente de Educación Ambiental creouse no Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela no curso académico 1987/88 por iniciativa do profesor J.A. Caride, co propósito fundamental de contribuír á formación ambiental do profesorado, educadores/as e responsables políticos e técnicos neste ámbito. A perspectiva holística e complexa do medio ambiente trasladouse á súa composición, integrándose no mesmo profesionais de diferentes disciplinas e niveis do sistema educativo e outros ámbitos da educación.

Ao longo destes anos ten desenvolvido todo tipo de iniciativas de formación, divulgación e sensibilización sobre a educación ambiental, tanto autonomamente como en colaboración con diversas institucións e organismos universitarios (españois e internacionais), da administración (autonómica, local) e outras iniciativas privadas (fundacións, asociacións...).

Obxectivos

Os obxectivos fundamentais que promoveron o xurdimento do Taller e que continúan como referente para as súas actuacións, son:

  • - Deseñar e desenvolver proxectos formativos de educación ambiental con capacidade de aplicación á formación inicial e permanente do profesorado.
  • - Crear un espazo de debate interdisciplinar, internivelar e interinstitucional, orientado ao logro de propostas consistentes de actuación na formación ambiental dos educadores/as. Complementariamente, búscase a elaboración de proxectos específicos de actuación pedagóxica no ámbito da educación ambiental formal, que vinculen nas súas tarefas ao profesorado dos distintos niveis educativos.
  • - Promover a creación dun foro permanente de intercambio de iniciativas e experiencias didácticas que teñan por obxecto de estudo o medio ambiente, facendo partícipes das súas suxestións ao conxunto do profesorado e da sociedade galega.
  • - Elaborar estudos e informes diversos que contribúan á análise e difusión de diferentes aspectos da educación ambiental, así como materiais didácticos que colaboren no desenvolvemento do traballo co alumnado.
  • - Divulgar, sensibilizar e promover a reflexión sobre a problemática ambiental auspiciando a participación activa no debate arredor de desenvolvemento e sostibilidade.

Equipo Xestor

As responsabilidades de dirección, coordinación e secretaría recaen desde a creación do Taller nas seguintes persoas:

  • - Director: D. Manuel R. Bermejo Patiño. Catedrático de Química Inorgánica. Universidade de Santiago de Compostela1.
  • - Coordinador: D. Manuel A. Fernández Domínguez. Catedrático de Ciencias Naturais. IES Xelmírez I (Santiago de Compostela).
  • - Secretaria: Dna. Mª Carmen Morán de Castro. Profa. da Facultade de Ciencias da Educación. USC.

Actividade

O traballo estrutúrase anualmente en función de temas monográficos -auga, residuos, enerxía, parques naturais, ecoescolas, consumo, cambio climático, urbanismo, etc ...- que constitúen o motivo central sobre o que se desenvolven diversas actividades formativas e de divulgación tales como conferencias, seminarios, visitas, elaboración de materiais ou elaboración de estudos e informes. Teñen sido temas monográficos de traballo os que seguen:

Biblioteca

A Biblioteca do ICE contou desde o ano 1989 cunha importante sección de Educación Ambiental, auspiciada polo Taller Permanente de Educación Ambiental, cun interesante fondo de ao redor de 1.000 monografías, 40 publicacións periódicas, materiais audiovisuais, carpetas con materiais especiais (folletos, dípticos, adhesivos...) e unha colección de carteis.

Os fondos sinalados, como material en préstamo, foron soporte para diversas colaboracións con institucións e centros educativos, formando parte de exposicións, mostras, cursos de formación, difusión e sensibilización arredor da problemática ambiental (Departamento de Educación do Concello de Santiago; Nova Escola Galega, ASPG, Comisións Culturais de Residencias Universitarias, Fundación Paideia, Centros de Formación e Recursos, Institutos de Educación Secundaria e Centros de Educación Infantil e Primaria ...).

Na actualidade, debido ao traslado do ICE a novas instalacións, a Sección de Educación Ambiental atópase na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

  • - O papel: reutilización e reciclado
  • - A auga
  • - Residuos sólidos urbanos
  • - Espazos Naturais en Galicia
  • - Concellos e Educación Ambiental
  • - Enerxía
  • - Parques Naturais
  • - Ecoescolas
  • - Consumo e Educación Ambiental
  • - Cambio climático
  • - Planificación do territorio, urbanismo e Educación Ambiental

Ao tempo, compaxínase a actividade anual coa organización de eventos como foi a Campaña de promoción da reciclaxe de papel na Universidade de Santiago de Compostela (1992-93), o Congreso Internacional Estratexias e Prácticas en Educación Ambiental (1996), a participación na elaboración da Estratexia Galega de Educación Ambiental (2000), a organización de exposicións como a titulada Amazonia no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela (1992), o curso Educación Ambiental e Biotecnoloxías (2005) etc., das que se dá conta na memoria de actividades.

Memoria de actividades


  • VI Xornadas de
    Educación Ambiental
  • 25, 26, 27 de xuño de 2009
    Santiago de Compostela
  • eduambiengal.com
    info@eduambiengal.com
Univesidade de Santiago Instituto de Ciencias da Educación Xunta de Galicia | Consellería de Medioambiente